Friday 10 de May de 2024

Leiceaga reclamaralle á Xunta achegas para reparar os depósitos de auga de Reboredo e incorporar a Radioloxía Dixital ao centro médico de Ordes


Os socialistas ordenses presentaron as emendas ao proxecto de orzamentos autonómico, que ascenden a 1,41 millóns de euros

O voceiro do PSdeG-PSOE no Parlamento de Galicia, Xoaquín Fernández Leiceaga, e a deputada autonómica Begoña Rodríguez Rumbo visitaron Ordes para coñeceren sobre o terreo as emendas presentadas pola Agrupación Socialista de Ordes aos Orzamentos da Xunta de Galicia para 2017, que ascenden a 1.410.000 euros. A voceira municipal, Verónica Gómez, e o secretario xeral da Agrupación Socialista de Ordes, Xesús Pedreira, acompañaron a ambos deputados a comprobar o estado dos depósitos de auga de Reboredo e da depuradora.

“Levamos catro anos pedindo a reparación dos depósitos de auga de Reboredo, que abastecen a vila de Ordes e están fendidos”, denuncia Verónica Gómez, quen lembra que “estamos falando duns depósitos que teñen case medio século de vida e que presentan importantes fendas nas súas paredes exteriores, como vén puideron comprobar hoxe ambos deputados”. Neste sentido, lembra que “é preciso o seu arranxo para evitar problemas de subministro á vila de Ordes, pois agora estase usando un depósito de decantación para parchear o que é un grave problema”.

Os socialistas ordenses estiman nuns 800.000 euros o orzamento preciso para a reparación destes dous depósitos de auga, “que perden auga polas fendas que presentan e que, para quitarlles presión, levan xa tempo almacenando menos auga porque se está a usar o depósito de decantación, cando inicialmente foi construído para tratar a auga cando vén moi revolta”, explica Xesús Pedreira. Fernández Leiceaga puido comprobar como as fendas en ambos depósitos están a medrar con respecto a anos anteriores e mesmo como están a aparecer fungos sobre a superficie dos depósitos, especialmente nas fendas polas que se perde máis auga.

Radioloxía

Outra das principais reclamacións é a incorporación da Radioloxía Dixital no centro médico de Ordes, tamén aprobado en pleno en xullo de 2014 a iniciativa dos socialistas de Ordes. “A pesar de estar aprobado hai máis de dous anos, nada mudou”, explica Verónica Gómez, “cando sería unha medida moi importante para os nosos veciños e veciñas, sobre todo para os máis maiores, que non terían que desprazárense ata Santiago”.

Un punto no que coincidiu Fernández Leiceaga, quen asegurou que “Ordes é unha das vilas máis importantes de Galicia e ten que ter unha dotación sanitaria á altura do que ten que ser un centro médico referente non só para os veciños de Ordes, senón para o resto da comarca”.

ETAP e Museo do Traxe

Así mesmo, os socialistas ordenses solicitarán na Xunta outros 500.000 euros para a ampliación, mellora e conservación da potabilizadora, unha proposta socialista que conta co respaldo unánime do pleno ordense do 27 de outubro de 2015. “A actual ETAP é moi antiga e ten problemas de filtrados”, xustifica Xesús Pedreira.

A cuarta emenda presentada hoxe son os 10.000 euros necesarios para a xestión e o mantemento do Museo do Traxe Juanjo Liñares. Fernández Leiceaga explicou que coñece as instalacións e “aínda que é unha achega pequena, é importante darlle ao Museo do Traxe a dimensión turística innegable que ten. Estamos preto do Camiño Inglés e é preciso que se fagan iniciativas que complementen a oferta que reciben os peregrinos e iniciativas como o Museo do Traxe de Ordes deben ser difundidas entre os visitantes”.

O voceiro parlamentario do PSdeG-PSOE explicou que estas emendas “serán estudadas durante esta semana e a que vén na Comisión Terceira do Parlamento de Galicia e despois serán levadas ao pleno”, polo que asegurou que “son iniciativas pendentes dunha decisión da Xunta, cuxos orzamentos deberían ter a capacidade de atender as demandas da xente”.